Estes días en que conmemoramos a festa das nosas Letras Galegas, os nenos e nenas de 4º de Infantil déronnos, unha vez máis, a lección de saber desfrutar das pequenas cousas.
Aínda que botamos en falta a nosa romaría de todos os anos, eles souperon non só adaptarse, senón tamén atopar momentos de felicidade mentres aprendían vocabulario novo, bailaban e cantaban unha muiñeira, ou coñecían detalles da vida e da obra de Xela Arias (Letras Galegas 2021).
A nosa compañeira Nekane ensinounos uns pequenos pasos de muiñeira que foron todo un logro. Non podiamos parar de bailar e cantar “O baile de Noró”.
No visionado de varios vídeos sobre Xela Arias atopamos moitas curiosidades (criouse nunha granxa escola, o seu xoguete favorito era unha tartaruga de goma, gustáballe moito ler e escribir e traducir contos ao galego, escribiu un libro de poemas fermoso adicado ao seu fillo Darío…).
O sorriso nas caras dos gatos, bolboretas, elefantes, osos e xirafas vale moito a pena. As súas mestras estamos moi felices de poder vivir con eles estes pequenos momentos. Seguide así de especiais sempre.
Xa van 53 anos celebrando as nosas Letras Galegas. En 1963 a Real Academia Galega instituíu esta celebración para homenaxear a aquelas persoas que destacan pola súa creación literaria e/ou pola súa defensa do idioma galego.
En 5º de Infantil coñecimos a Xela Arias, algunhas das súas obras e pequenos detalles da súa vida.
Nekane ensinounos a aturuxar, aprendemos varios puntos da muiñeira galega, bailamos e cantamos o “Baile de Noró” de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre.
Fixemos unha merenda galega con productos típicos da nosa terra: bica galega, galletas mariñeiras, empanada, roxóns, iogures con leite de vacas galegas…
E rematamos namorándonos con pequenos “Anacos e Agasallos” da nosa lingua galega onde cada alumno mostrou algunhas das nosas palabras máis fermosas.
Os nenos e nenas de 6º de Educación Infantil aprenderon novas palabras da nosa lingua galega. Cada un escolleu unha palabra en galego e explicoulle aos seus compañeiros o seu significado, enriquecendo así o seu vocabulario. Despois usamos as palabras para decorar as portas das nosas aulas.
Xela Arias acariñou a nosa lingua con historias fermosas, e quizais unha das que máis nos gustaron foi o conto que escribiu cando tan só era unha nena de 11 anos. Unha divertida historia que gañou o primeiro premio na sección “Contos de nenos” do “VI Concurso de contos infantís O facho”.
“… Cheguei a unha fraga… e os seus únicos habitantes eran paxaros faladores… e un estaba traxeado con camisa branca, levita negra e calzón froleado, díxome:
-Pirris, Pío-pío, pos turistas exangos. Que quere dicir: “os Pío-Pío saúdan aos turistas estranxeiros”… el alargou a pata. E eu, asustada, preguntei:
-Qué significa?
-Pío-Pío quer tristar paspa. O que quere dicir: “Pío-Pío quere chocar as patas”. Eu estirei a perna e deille un bico. El quíxome dar o seu bico pero co gran peteiro que tiña esganifoume a cara. Botei un berro… Eles botáronse a rir a gargalladas…”
Anaco do conto “A Fraga dos paxaros faladores e a fraga leopardicia” de Xela Arias.
Gracias Xela por facernos rir e viaxar coa imaxinación na nosa lingua.