Inmersión lingüística en Dublín 2022

«Se podo chegar ao corazón de Dublín, podo chegar ao corazón de todas as cidades do mundo» (James Joyce)

James Joyce, Oscar Wilde ou Jonathan Swift foron grandes clásicos da literatura irlandesa que naceron en Dublín, cidade na que pasaron unha semana os nosos estudantes do Liceo la Paz da man de Language Kingdom, axencia especializada neste tipo de inmersións.

Fai uns días, os nosos estudantes voltaron da súa inmersión lingüística na cidade de Dublín. Durante o tempo na cidade, fixeron actividades dinámicas relacionadas coa lingua e coa cultura irlandesa, ademais de asistir a clases interactivas de inglés. Todos eles quedaron con familias anfitrioas que acolleron aos nosos nenos/as cos que compartiron almorzos e ceas, mentres intercambiaban aspectos da cultura irlandesa, galega e española.

Día 1:
Despois dunha longa viaxe, chegamos a Dublín e reunímonos coas nosas familias anfitrioas para coñecernos e compartir a primeira cea.

Día 2:
Fixemos un percorrido pola cidade, coñecendo os puntos máis emblemáticos, como Trinity College, Grafton Street ou a zona do Temple Bar. Despois do percorrido, degustamos o noso “pack lunch” na zona peonil de Grafton Street e St Stephen’s Green Park. Pola tarde, asistimos ás clases de inglés e pasamos un bo rato co xogo de “Selfie Kontest” onde tiñamos que interactuar cos viandantes da cidade para conseguir as mellores fotos. O grupo coas mellores imaxes gañaría un premio.

Día 3:
Da man do noso guía, dirixímonos ao Trinity College, onde nos explicaron moitísimas curiosidades sobre este lugar tan emblemático, como a súa historia ou escritores importantes que estudaron aquí, como Bram Stoker ou Oscar Wilde. Tanto lles gustou a visita ao Trinity College que un grupo de estudantes decidiu, no seu tempo libre, visitar a famosa biblioteca, que parece o Gran Comedor da serie de películas de Harry Potter. Asistimos ás nosas clases e despois tivemos tempo para relaxarnos o resto da tarde coas nosas familias anfitrioas.

Día 4:
Ao día seguinte pola mañá, visitamos os arredores da Catedral de San Patricio antes de chegar ao museo de Dublinia, onde descubrimos a historia dos Viquingos na cidade con actividades interactivas e incluso puidemos probar disfraces de viquingos e da Idade Media! Despois de asistir ás clases de inglés habituais, fomos a un típico pub irlandés, onde nos esperaban dous músicos e unha bailarina profesional de baile irlandés. Puidemos gozar dun marabilloso espectáculo en directo e aprender os pasos principais do “Irish Dancing”.

Día 5:
Pola mañá do día 5, xuntámonos todos no centro da cidade para realizar unha divertida actividade, o “Treasure Hunt” ou a Procura do Tesouro, que consistía en ir buscando unha serie de pistas por St Stephen’s Green e as rúas peonís da cidade para coñecelas un pouco máis. O grupo que máis pistas obtivera, tería un premio. Despois de asistir a clase, despedímonos dos nosos profesores nativos de Dublín.

Día 6:
Ao día seguinte collemos o tren cara o pobo pesqueiro de Howth. Alí realizamos unha ruta de sendeirismo, onde admiramos unhas paisaxes marabillosas, con acantilados escarpados, mar e montañas. Despois do percorrido, que durou unhas horas, volvemos ao pobo de Howth para repoñer forzas e coller o tren de volta para Dublín. Sería a nosa última noite coas familias anfitrioas en Dublín.

Día 7:
E finalmente chegou o día de rematar esta experiencia inesquecible. Pola maña puidemos xogar cunha actividade no Phoenix Park, o parque urbano máis grande de Europa. Durante a mañá tivemos tempo de percorrer o parque e ata de ver cervos correndo polo prado! Algúns dos nosos estudantes incluso arrendaron bicicletas para poder facer un maior percorrido. Ao mediodía, volvemos para o centro da cidade, onde tivemos tempo de facer as últimas compras na cidade antes de comezar a viaxe de volta a casa.

Foi unha experiencia incrible. Tivemos oportunidade de practicar a lingua inglesa, así como aprender sobre a cultura irlandesa. Unha viaxe para repetir!

You may also like

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *