O 21 de outubro, o noso centro tivo o pracer de recibir a Candela Battiato, codirectora do documental O pequeno Picasso, con Carmen Ferreiro. A actividade celebrouse no salón de actos, onde o alumnado de 1º de ESO puido gozar desta proxección tan especial e descubrir unha etapa pouco coñecida da vida do xenial artista Pablo Picasso.
Os protagonistas do documental —Álex, Valeria, Daniel, Rubén, Ovidio, Carlota e Sara — tamén estiveron presentes e desfrutaron da experiencia en primeira fila, revivindo así algúns dos momentos que formaron parte da rodaxe.
O pequeno Picasso é unha produción audiovisual asociada á Universidade da Coruña, que percorre a etapa coruñesa do artista, entre 1891 e 1895. Durante estes catro anos na cidade, Picasso viviu moitas das súas primeiras veces: o seu primeiro amor, o primeiro contacto coa guerra, o primeiro mecenas, os primeiros amigos e tamén o primeiro encontro coa morte.
O documental combina recreacións históricas, entrevistas a expertos como Rubén Ventureira, Antón Castro e Malén Gual, así como documentos de arquivo e planos actuais da cidade e do Museo de Belas Artes da Coruña. Todo isto narrado a través de dúas voces: a dun Picasso xa adulto que lembra a súa infancia, e outra voz en off que guía o relato.
A través desta actividade, o alumnado tivo a oportunidade de achegarse á figura de Picasso dende unha perspectiva diferente: a dun neno que soñaba con ser artista e que atopou na Coruña o primeiro escenario da súa inspiración.
Sen dúbida, unha xornada enriquecedora que deixou aos nosos estudantes fascinados coa historia do “pequeno Picasso”.