O MAIO
Aí vén o maio
de frores cuberto …
Puxéronse á porta
cantándome os nenos;
i os puchos furados
pra min estendendo,
pedíronme crocas
dos meus castiñeiros.
Así di o poema de Curros Enríquez e, efectivamente, tamén chegou onte o maio ao Liceo. Chegaron os maios, chegaron as flores e con elas a alegría da primavera.
A tradición dos Maios permanece ao longo dos anos en diferentes vilas e cidades galegas. Nas súas orixes estaba ligada ao ciclo agrario, e segue mantendo o sentido de celebración da aparición da vexetación e da floración.
A estrutura do maio está feita con varas de vimbio, recuberta con fiúncho, xestas, espadanas, etc, e adórnanse con flores, laranxas, bandeirolas de papel, casca de ovo, … O cerimonial incluía o roubo, máis ou menos encuberto, dos elementos necesarios para a construción do maio.
Os nenos de Educación Infantil e Primaria pasaron unha tarde inesquecible elaborando as súas alfombras florais e os seus particulares Maios, un deles con material reciclable.
Queremos destacar a colaboración de todas as familias que axudaron aos seus nenos e nenas a colleitar flores, pétalos, plantas… para despois traelos a súa aula , onde os clasificaron e prepararon para ter os elementos necesarios para confeccionar as alfombras florais.
Tamén queremos agradecer aos alumnos de Bacharelato que, coordinados pola súa profesora María Rey, axudáronnos co deseño das alfombras.
Igualmente damos as grazas ao Equipo de Voz Natura do Colexio, que dinamizou e animou a participar nesta actividade a toda a Comunidade Educativa.
Os nosos nenos e nenas gozaron neste ambiente de festa coas actividades perfectamente coordinadas polos equipos docentes de Infantil e Primaria. Unha vez máis, o gran protagonista e causante do éxito foi o traballo cooperativo de todos, con cuxo exemplo axudamos a que os nosos alumnos aprendan algo tan importante como é traballar en equipo.
Jefa del Departamento de Orientación. Coordinadora de Educación Infantil y del Ciclo Superior en Educación Infantil.