II Festival das Letras Galegas

O 15 de maio pola mañá celebrouse o II Festival das Letras Galegas, o acto estrela dentro da celebración da Semana das Letras Galegas 2024. No festival participaron alumnos dos catro cursos de ESO e algúns de 1º de Bacharelato.

Durante máis de hora e media de espectáculo, que iniciou e rematou co himno galego acompañado da música propiciada por instrumentos como trompeta, baixo, violín e piano; os alumnos de 1º e 2º de Educación Primaria, como público asistente, escoitaron a recitación de poemas de Luísa Villalta, Rosalía de Castro e a letra dunha canción do grupo Ulex, unha actuación do Mago Luis, que soubo meterse á rapazada nos petos e gran variedade de actuacións musicais acompañañadas en moitos casos de baile tradicional e pandeiretas (maxestuosas as tres ou coreografías adaptadas).

A interpretación de cancións de Tanxugueiras (“Terra”, “Aire”), Fillas de Cassandra (“Eco”), Baiuca (“Morriña)”, Verto (“Muiñeira de Chantada”), Luar na lubre (“Chove en Santiago”), Brais das Hortas (“Santa Compaña 2.0”), Andrés Dobarro (“O tren”) ou a popular “Ondiñas veñen” encheron o salón de actos do centro dunha festa homenaxe á lingua galega e a súa cultura.

Pola tarde a Banda de Música do CAMP Liceo La Paz ofreciu un concerto a tódolos nenos e nenas de Infantil e Primaria que contou coa colaboración das actividades extraescolares de Baile e Música Tradicional e Pandeireta. Disfrutamos dunha sesión de música e baile

Dende o EDLG do centro e o Departamento de Lingua Galega queremos agradecer a todos os alumnos participantes a súa entrega e dedicación ao festival, así como a inestimable colaboración do Departamento de Música de ESO, pois a boa man de Raquel Iglesias, na preparación e posta en escena da maior parte das actuacións musicais, e a trompeta do profesor Wilson Ortega fixéronse notar e aportaron calidade ao espectáculo que xa en moitos casos estaba xa conseguida. Tamén queremos agradecer á profesora Mónica Naveira o préstamo dos traxes tradicionais ás nosas bailarinas de 2º ESO.

Parabéns a todas e todos os participantes nesta edición!

Desde este momento, aínda cos ecos nos nosos oídos das actuacións apenas escoitadas e visionadas, toca pensar na próxima edición do festival.

 

Seguir leyendo

Andrea Maceiras

O día 1 de decembro ás 10:00 h visitounos a escritora Andrea Maceiras, autora da novela «Que me pare o corazón se te esquezo«, obra que foi de lectura obrigatoria para o alumnado de 3º de ESO.

A escritora mantivo un encontro co alumnado sobre a arte de escribir e, en concreto, sobre as experiencias nas que se inspira para artellar as historias que vai contar.

A trama da novela lida xira en torno aos “retos” que afronta a mocidade nas redes sociais e os perigos que poden suponer e como poden repercutir nas relación humanas.

Seguir leyendo

Festival das Letras Galegas 2023

O 16 de maio celebramos un Festival para festexar o día grande das Letras Galegas. Diante dun público entregado e colaborador, alumnos e alumnas de ESO e de Bacharelato subiron ao escenario para aportar o seu gran na celebración desta efeméride. Cancións variadas como “Corpiño xeitoso”, “Pousa, Pousa”, “Peixiños do mar”, “Ai vén o maio, maíño, maiolo”; música en directo para interpretar “Se chove, que chova!” e “O son do ar”, lecturas de poemas, breve semblanza de Francisco Fernández del Riego, un número de maxia e unha sorprendente actuación de beat box foron aplaudidas polos asistentes, todos eles alumnos e alumnas de primeiro e segundo de Primaria.

O acto inciouse e pechouse co himno galego, cantado polos alumnos de 3º de ESO, acompañados ao piano por Marga Fontela e á trompeta por Wilson Ortega, ambos os dous profesores de Música no Centro. O grito de “pase de ouro” foi coreado repetidas veces.

O Departamento de Lingua Galega e Literatura quere agradecer o esforzo de todos os que colaboraron na boa realización deste acto, desde os alumnos participantes, pasando polo departamento de Música e o de Comunicación e rematando co marabilloso público asistente e o seu profesorado.

Satisfeitos do resultado, xa estamos pensando nunha segunda edición deste festival!

Seguir leyendo