Ser acosado polos compañeiros é unha ameaza para o desenvolvemento saudable de nenos e adolescentes. É por iso, coa fin de atallar este problema, que o Equipo de Convivencia do Centro, formado este ano por Marisú López, Noemí Luengo, Carolina Montes e Belén Vázquez, está impartindo estes días unhas charlas ós diferentes cursos de Educación Secundaira e Educación Primaria, nas que explican ós rapaces e rapazas como poden identificar o acoso escolar.
Nas charlas insísteselles na importancia dos observadores (que non son nin os acosados nin os acosadores), xa que a súa maneira de reaccionar cando presencian o acoso é crucial para que se prolongue ou se acabe. Tamén se lles ofrecen as ferramentas para prestar apoio e axuda aos compañeiros acosados. Preténdese influír sobre os alumnos para que apoien á vítima e demostren que non aproban o acoso. Dentro destas medidas atópase unha conta de correo electrónico a disposición de toda a comunidade educativa, por medio da que poden poñerse en contacto connosco: convivencia@liceolapaz.com.
Estes aspectos seguiranse traballando de forma continuada en diferentes sesións de titoría.
O obxectivo do Centro con estas xornadas é traballar a empatía, facilitar un entorno de traballo seguro e fomentar as relacións sanas e de apoio que incrementen o gusto pola escola, a motivación e o rendemento académico. Cómpre evocar un sentimento compartido de responsabilidade no grave problema do acoso.